Admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

Resolución do 30 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2017/18.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio as persoas aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

  • Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para efectos académicos e superar unha proba específica.
  • As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos deberán ter feitos os dezasete anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.
  • A proba de madureza poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
    • Pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.
    • Pola proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio de ensinanzas deportivas.
    • Pola proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
    • Pola proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior os aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

  • Estar en posesión do título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, e superar a correspondente proba específica.
  • As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente para os efectos académicos deberán ter dezanove anos, ou dezaoito anos no caso de que acrediten estar en posesión dun título de técnico en artes plásticas e deseño da mesma familia profesional artística ca aquel a que pretenden acceder, e superar a proba de madureza que se establece no anexo III da presente resolución, ademais da correspondente proba específica. Tanto nun coma no outro caso, a idade mínima establecida deberá facerse dentro do ano natural de realización da proba.
  • A proba de madureza poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
    • Pola parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
    • Pola proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas.
    • Pola proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
    • Pola proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.
  • As persoas aspirantes que teñan pendente algunha materia de bacharelato ou da ESO poderán presentarse á proba de acceso, ben que no momento de formalizar a matrícula no prazo extraordinario, no mes de setembro, deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida, e poderán optar á praza solicitada se houbese vacantes.

Acceso directo.

Estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño:

  • Quen estea en posesión dun título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada co ciclo formativo a que se pretende acceder ou título declarado equivalente.
  • Quen teña superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos plans de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, ou os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

O prazo para a inscrición comprende desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG ata o día 20 de xuño para os ciclos de grao superior e ata o 21 de xullo para os ciclos de grao medio.

Acceso ao DOG