A escola infantil municipal de Monte Alto recibe o premio ao mellor proxecto infantil de Voz Natura

Un proxecto de educación ambiental didáctico, sensible e participativo. Así é o traballo realizado pola Escola Infantil Municipal ( EIM) Monte Alto que lle serviu para facerse co galardón de mellor proxecto infantil de Voz Natura. "A Torre: mar e terra" é o título do traballo recoñecido como o máis destacado entre todos os realizados polos centros infantís.

Profesores e alumnos, coa colaboración de familias e veciños, desenvolveron un traballo co eixo motivador de poñer en valor a coruñesa Torre de Hércules, entendendo o monumento como un espazo mediador entre o mar e a terra. Os pequenos gozaron coñecendo a fauna e a flora do a súa contorna, traballaron na súa horta e aprenderon a coñecer e gozar da natureza. Tamén realizaron actividades de reciclaxe e trataron de concienciar sobre a necesidade dun consumo responsable.

Os demais premios recalaron en:

  • Premio Galicia: Colexio Estudo de Chandebrito (Pontevedra) por un proxecto sobre a loita contra o lume en Chandebrito.
  • Premio provincia da Coruña: Colexio Santa Apolonia por "Avoa Pepa".
  • Premio provincia de Lugo: IES María Sarmiento por "Catalogación de fontes e lavadoiros de Viveiro".
  • Premio provincia de Ourense: CEIP de Seixalbo por "Moito por descubrir".
  • Premio provincia de Pontevedra: CEIP A Lama por "Protexemos o noso patrimonio".

Entrega de premios

Os centros gañadores do premio Galicia, os provinciais, o mellor blogue e o mellor vídeo ambiental recibirán os seus galardóns durante a festa fin de curso de Voz Natura, que se celebrará o sábado 2 de xuño, no parque de Acea de Ama (Culleredo). A entrada será libre e a participación en actividades lúdicas e deportivas gratuíta. No evento expoñeranse os traballos realizados durante o curso.