A viaxe de Alicia

O Concello da Coruña pon a disposición dos centros educativos e da sociedade en xeral este recurso educativo o vídeo xogo “A Viaxe de Alicia” con novos escenarios de aventura e novo deseño gráfico. Trátase dunha aventura gráfica educativa destinada ao alumnado do 2º ciclo da Secundaria Obrigatoria e Bacharelato onde o xogador/alumno axuda á personaxe protagonista, Alicia, ao igual que a personaxe de Lewis Carroll , a regresar á súa casa no seu propio tempo, explorando distintos escenarios da cidade de A Coruña en distintas épocas e obtendo coñecementos e información sobre mitoloxía, arte, toponimia, literatura ou xeografía e historia.

Image

A formulación pedagóxica está baseada nunha aprendizaxe que ten como referencia a aplicación de cinco metáforas fundamentais “non se aprende dun só xeito, senón de varios, que dependen das aptitudes persoais, a situación da aprendizaxe, e o contido para aprender”; estas metáforas empréganse como estímulo para o proceso de deseño dos vídeo xogos educativos, o chamado Game Based Learning (GBL).

O propósito desta experiencia é adquirir novos modelos e estratexias para introducir a creatividade nas prácticas docentes situando aos profesores e aos alumnos como deseñadores dos seus propios vídeo xogos.

Como en toda aventura gráfica elaborouse un storyline estruturado e organizado para dar consistencia aos contidos educativos así como un mapa mental onde se trazaba o percorrido xeral do vídeo xogo.

O xogo dispón dun sistema de puntuación que proporciona os resultados obtidos en función dos acertos e dos erros obtidos polos xogadores ao longo da interacción coa aventura gráfica.

Este vídeo xogo obtivo o 1º Premio Fundación Telefónica Innovación Educativa 2012 na modalidade B III. O xurado destacou este traballo como “unha proposta innovadora, motivadora e orixinal. Pódese apreciar un traballo que acerta na combinación da tecnoloxía seleccionada e os obxectivos e metodoloxía didáctica. A proposta de avaliación integra esta actividade na avaliación continua do alumno e facilita a análise da adquisición das competencias mediante a rúbrica de avaliación.”

Acceso ao xogo