Aberto o prazo para presentar as propostas ao programa “Ao meu xeito. 1ª convocatoria 2018”

Image

Este programa educativo municipal, dotado con 100.000 euros, vai destinado ás escolas infantís municipais (EIM), aos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP), aos centros de Educación Especial (CEE), aos centros integrados de Formación Profesional (CIFP), aos institutos de Ensino Secundario (IES), ao conservatorio de danza (CDAN), aos conservatorios de música (CMUS), á escola de arte (EASD), ao centro público de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) e ás escolas de música (ESMU) do concello da Coruña.

A actividade proposta por cada centro ten que estar relacionada coa celebración do fin de curso e poderá consistir na contratación de representacións artísticas (teatro, música, danza...) ou outras con finalidade lúdico-educativa. Deberá realizarse entre o 11 de maio e o 22 de xuño de 2018 e co límite de 1.500,00 € por centro.

O programa educativo municipal Ao meu xeito! pretende favorecer a participación e o autogoberno dos centros educativos, permitíndolles deseñar actividades educativas axustadas ás súas necesidades concretas, que serán postas en marcha co asesoramento e o soporte económico do Concello.

Deben enviarse por correo electrónico a educacion@coruna.es, ata o 31 de maio de 2018, xunto coa documentación prevista nas normas de participación do programa.